Produción de concentrados e racións

Os nosos técnicos elaboran racións adaptadas ás forraxes producidas nas explotacións, tanto de leite como de carne, respectando o uso maioritario de cereais e outros compostos controlados no noso laboratorio. Todos os produtos son minuciosamente analizados para asegurar a súa calidade e trazabilidade.

Nas instalacións que posúe Aira en Sarria prodúcense mesturas forraxeiras, tanto húmidas como secas, para aquelas explotacións que encomendaron á cooperativa a ensilaxe das súas forraxes. Unha vez complementados cos concentrados adecuados, sérvense diariamente permitindo ao gandeiro dedicarse exclusivamente ao manexo do seu gando, e deixando as producións agrarias e a preparación dos alimentos en mans dos nosos profesioais.


Carros mesturadores

Dentro da nosa oferta atópase a prestación de servizo de carros mesturadores para realizar o mesturado das forraxes producidas nas explotacións e os concentrados procedentes da fábrica de pensos de Taboada, todo iso seguindo as indicacións da receita da ración elaborada por un técnico en nutrición. Aira conta con 22 rutas de carros mesturadores que dan servizo a 265 explotacións de toda a xeografía galega.

Por outra banda, desde fai máis dunha década comercializamos e ofrecemos asistencia técnica de carros mesturadores RMH en toda a Península Ibérica. Un servizo que funciona os 365 días do ano e que garante que ningunha explotación quede sen alimentar ao seu gando nin un só día.


Servizos veterinarios clínicos e reprodutivos

Contamos cun gran equipo multidisciplinar de veterinarios capaces de satisfacer todas as necesidades clínicas e reprodutivas que poidan presentarse nunha explotación. Estes profesioais atenden tanto casos clínicos, como deseñan e executan programas zootécnicos encamiñados a mellorar a produtividade e benestar animal das cabanas gandeiras. Dentro desta categoría atoparíanse, por exemplo, os programas reprodutivos, de calidade de leite ou de podoloxía vacún.