Aira inviste máis de 1,5 millóns de euros en renovar e ampliar o seu parque de maquinaria

A cooperativa adquiriu, entre outros equipos, tres colleitadoras, oito segadoras, oito tractores e 10 remolques. A compra permítelle incrementar os servizos ós socios ó aumentar as máquinas dispoñibles e supón a contratación de 8 persoas. Coa operación tamén se crean dous novos puntos con cadanseu equipo básico de maquinaria nas vilas de Sarria e Guntín e aumentarán as prestacións para Silleda

Máis de 1.5 millóns de investimento

A cooperativa agrogandeira Aira, con sede central en Taboada (Lugo), acaba de pechar a compra dun lote de maquinaria co que busca renovar e ampliar o seu parque. A operación permitirá ademais incrementar os servizos ós socios coa creación de dous novos puntos con equipos básicos de maquinaria fixa en Sarria e Guntín.

A compra da maquinaria, que comezou a fraguarse a finais do pasado ano, supón un investimento de máis de 1,5 millóns de euros. A cooperativa adquiriu un lote de equipos entre os que se inclúen oito segadoras, delas unha segadora autopropulsada e dúas mariposas, unha colleitadora modelo Claas 970 de 10 filas, dúas colleitadoras Claas 960 de 8 filas, oito tractores e 10 remolques. No conxunto tamén se inclúe outra maquinaria coma arados e sementadoras, que contribúe a mellorar as prestacións do parque.

  A compra pretende reforzar o parque de maquinaria que temos a día de hoxe [tanto en Chantada coma en Pol] e permitiranos tamén mellorar os servizos que ofrecemos ó socio ó poder establecer dous novos puntos con maquinaria fixa en Sarria e Guntín e incrementar as prestacións para a comarca do Deza, ó dispoñer de máis maquinaria na delegación de Aira en Silleda  

“A compra pretende reforzar o parque de maquinaria que temos a día de hoxe [tanto en Chantada coma en Pol] e permitiranos tamén mellorar os servizos que ofrecemos ó socio ó poder establecer dous novos puntos con maquinaria fixa en Sarria e Guntín e incrementar as prestacións para a comarca do Deza, ó dispoñer de máis maquinaria na delegación de Aira en Silleda”, explica José Enrique Otero Díaz, director de Subministros e Servizos na cooperativa. Tanto o parque de Sarria coma o de Guntín contarán xa nesta campaña de ensilado de herba cun equipo fixo integrado por unha colleitadora, tres tractores e outros tantos remolques.

A creación destes parques auxiliares con maquinaria propia e fixa tanto en Guntín coma en Sarria busca mellorar as prestacións que se ofrecen ós socios nestas zonas para poder atender a demanda existente e complementar os servizos que xa se viñan prestando nestes concellos coa colaboración de distintas empresas, coas que se seguirá a traballar.

Revisión e posta a punto

Toda a maquinaria foi adquirida á firma lucense Ramudo de Bretoña SL. “Estamos terminando a revisión e posta a punto da maquinaria para a campaña de ensilado de herba”, concreta José Ángel Cobas Barreiro, responsable do parque de maquinaria na cooperativa.

  Estamos terminando a revisión e posta a punto da maquinaria para a campaña de ensilado de herba  

Así, boa parte das máquinas xa se atopan nas propias instalacións da cooperativa preparadas para os traballos de sega e ensilado da herba, que está a comezar de xeito paulatino nestes días nas distintas delegacións de Aira.

Medrar polo socio

A operación permite que Aira siga a consolidarse como unha das principais cooperativas en Galicia tanto en volume de facturación como en servizos ós socios. A compra de maquinaria permite que nestes momentos a cooperativa dispoña dun amplo equipo pensado para tarefas fundamentais para os gandeiros como son ensilado tanto de herba como do millo, alimentos básicos nas racións do gando vacún de leite, e cada vez máis tamén do de carne.

O incremento do parque de maquinaria supón tamén un incremento do cadro de persoal da cooperativa. Así, está prevista a contratación de 8 profesionais especializados na condución deste tipo de maquinaria que se engaden á trintena de empregados do parque de maquinaria da cooperativa, unha cifra que se incrementa durante as campañas co aumento da carga de traballo. Polo momento, xa se contrataron 5 traballadores.

  Cada vez as campañas son máis concentradas, queremos que todos os gandeiros realicen o ensilado no momento óptimo dos cultivos, xa que isto tradúcese nunhas mellores producións (cuantitativa e sobretodo cualitativa) e reducións de custos  

Con esta adquisición, Aira pasa a dispoñer dun parque de maquinaria no que destacan 11 colleitadoras, o que o convirte no máis grande de Galicia en volume de maquinaria. “Cada vez as campañas son máis concentradas, queremos que todos os gandeiros realicen o ensilado no momento óptimo dos cultivos, xa que isto tradúcese nunhas mellores producións (cuantitativa e sobretodo cualitativa) e reducións de custos”, detalla José Enrique Otero Díaz. “Tentamos reducir ó minimo o tempo que pasa entre a recollida dos forraxes de inverno e o cultivo do millo para que os socios poidan optar por ciclos de millo máis longos que tamén lles proporcionen mellores resultados, polo que é fundamental contar con maquinaria dispoñible para afrontar ese volume de traballo”, puntualiza . Para optimizar a produción de forraxe para os socios, ademais dos equipos e cadro de persoal propio, Aira conta con autónomos e empresas de servizos para reforzar o incremento puntual do volume de traballo.

  Tentamos reducir ó minimo o tempo que pasa entre a recollida dos forraxes de inverno e o cultivo do millo para que os socios poidan optar por ciclos de millo máis longos que tamén lles proporcionen mellores resultados, polo que é fundamental contar con maquinaria dispoñible para afrontar ese volume de traballo  

Realizar o ensilado tanto de herba como de millo coa maduración axeitada tradúcese nun aforro de custos e unha optimización do aproveitamento da terra, sobre todo naquelas parcelas nas que se realiza unha rotación de cultivos, con forraxes de inverno previos á sementeira do millo.

Voltar as novas